Friday 10 de May de 2024

O executivo local levará a pleno a inicios de maio uns orzamentos “sociais” que apostan por satisfacer “as necesidades da xente”


 Ao igual que no resto de cuestións de goberno, o equipo liderado por Sergio Platas abriu a fiestra de diálogo co resto de agrupacións políticas

 Trátase de que “colaboren e aporten as súas suxestións nun tema fundamental para a sociedade padernesa”

 As contas prevén un gasto de 2,2 millóns de euros, dos que case o 40% corresponden a Servizos Públicos Básicos

O executivo local levará a pleno a inicios do mes de maio a proposta de aprobación dos orzamentos para o 2024. Despois de traballar arreo nas primeiras contas deste mandato durante os últimos meses, o equipo de goberno municipal construíu un documento económico “social” que dá prioridade a satisfacer “as necesidades da xente”.

Ao igual que no resto de cuestións relativas ao goberno da localidade, o equipo liderado por Sergio Platas abriu a fiestra de diálogo co resto de agrupacións políticas para que “colaboren e aporten as súas suxestións” antes de pechar uns orzamentos “imprescindibles” para garantir o presente e futuro dos servizos para a veciñanza: “É un tema fundamental para a sociedade padernesa”.

O orzamento prevé un gasto de algo máis de 2,2 millóns de euros, dos que case 460.000 euros corresponderán de xeito exclusivo a asistencia social primaria. Esta partida englóbase nos Servizos Públicos Básicos, aos que se destinan uns fondos de máis de 880.000 euros, o que supón case o 40% do orzamento total. “Queda claro o seu matiz social, que pon no centro as necesidades da nosa veciñanza”, apunta o goberno.

Neste sentido, a planificación do executivo local potenciou incrementos como os 30.000 euros a maiores para o Servizos de Axuda no Fogar, que chega aos 300.000 euros. Ademais, destinouse un investimento superior en formación en materia de saúde pública para a poboación, así como un aumento dos servizos de conciliación familiar e reforzo educativo. Tamén medran as actividades deportivas e culturais para os e as maiores.

A maiores, os orzamentos permitirán cumprir co debatido no pleno municipal sobre a pavimentación de vías para a mellora da seguridade e da circulación, así como o desenvolvemento da rede de sumidoiros e de depuración de augas residuais.
“Non son os orzamentos dun político ou dunha agrupación, senón de toda a veciñanza de Paderne”, lembra o goberno local, que recalca o compromiso de “dialogar para escoitar todas as suxestións que os representantes da vontade da veciñanza de Paderne teñen que aportar”.

Deja un comentario